Thursday 28 de March de 2024

A Xunta de Galicia pon en valor o papel do voluntariado interxeracional para impulsar o Camiño Inglés ao seu paso por Cambre


— A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, coñeceu hoxe o programa deste voluntariado do Concello de Cambre

— Esta iniciativa combina dous tipos de voluntariados, o xuvenil e o sénior, xa que está dirixido a ambos os dous colectivos, tanto para persoas de entre 16 e 30 anos como para os maiores de 55

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe o programa de voluntariado interxeracional O Noso Camiño que se está a desenvolver no Concello de Cambre e que ten a finalidade de dar a coñecer o Camiño Inglés neste Ano Xacobeo. Este voluntariado inclúe, entre outras iniciativas, a posta en marcha dun punto de información ao peregrino na reitoral de Sigrás, que está sendo xestionado polos voluntarios. Alí, a directora xeral subliñou o valor que achegan estas iniciativas á sociedade galega e a importancia de promover os diferentes tramos do Camiño de Santiago.

Esta iniciativa combina o voluntariado xuvenil e o voluntariado sénior, xa que está dirixido a ambos os dous colectivos, tanto para persoas de entre 16 e 30 anos como para os maiores de 55. De feito, esta combinación é un dos obxectivos deste voluntariado: fomentar e incentivar a iniciativa social para todos os públicos e desta forma achegalos ao patrimonio cultural deste municipio.

A Xunta de Galicia axudou a financiar esta actividade na que se pon en valor a importancia da participación solidaria. O Noso Camiño está formado por unha programación na que se levan a cabo iniciativas onde un grupo de voluntarios percorren o camiño en bicicleta e axudan aos viaxeiros e viaxeiras camiñantes. Ademais, tamén comproban o estado das rutas e van reportando calquera dano no tramo do Camiño Inglés que transcorre polo municipio.